miércoles, 7 de enero de 2015

AS MOURAS

AS MOURAS


As mouras son mulleres belísimas e encantadas que viven nas fontes, castros, penedos, mámoas e ruínas de antigos monumentos ou castelos, baixo a auga ou baixo a terra. Reciben moitos nomes, como donas, mozas, mulleres, señoritas, señoras, madamas, encantos, princesas e raíñas. Son iguais ás hadas, xanas, fées, fairies, doutros países. Teñen cabelos rubios, é dicir, roxos, máis ca louros; a pel branca e as meixelas con lixeiros tons vermellos. Son sedutoras, encantadoras. Lavan, tecen, fían e peitean os seus cabelos á luz do sol, sobre unha pena ou ás beiras da fonte. Gardan tesouros e visten marabillosamente. Ó tempo que fían cunha man, mazan leite coa outra e cargan na cabeza enormes pedras, coas que constrúen os edificios ou estruturas nas que viven (castros, castelos, penedos).

Ás veces preséntanse como unha guapa moza e quedan cun mozo para o día seguinte e, á hora da cita, en vez da guapa moza, vén unha enorme cobra, que lle pide un bico. Se a quere desencantar, para conseguir o seu amor ou as riquezas prometidas, tenllo que dar. Son perigosas e poden producir a morte do mozo por vinganza. Desexan ser desencantadas e colaboran dando instrucións e indicando onde están os tesouros.

Agasallan co seu ouro a quen lles axuda. Pero non se pode contar o trato feito con elas, se non, o ouro convértese en carbón, en excrementos, en follas caídas.


Pequena Mitoloxía de Galicia, de Xerais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario